A Domus do Mitreo de Lugo


Recreación de Mitra e o touro
O descubrimento en Lugo, o ano 2000, da Domus Romana e do Mithraeum (Templo de Mitra), como consecuencia da rehabilitación do edificio do Vicerrectorado da Universidade de Santiago en Lugo (antigo Pazo dos Montenegro), supón un avance no coñecemento e difusión da cultura relixiosa do Imperio Romano entre os S. I e IV dc, moi practicada entre as milicias, ademais de sacar a luz o templo de Mitra máis occidental do Imperio Romano. A consagración de templos a calquera divindade polos militares destinados nas stationes militum era moi común no Imperio e adoitaba gardar relación coa chegada ao lugar ou co final do seu servizo. No caso de Lugo (Lucus Augusti), o Mitraísmo ou Misterios de Mitra foi implantado polo centurión e recadador de impostos locais Gaio Victorino Victorio, segundo se desprende da inscrición que figura no Ara atopada na Praza Pío XII, cuxo texto é:

Ara de granito do Mitreo
"INVIC(TO) MITHRAE G(AIVS) VICTORIVS VICTORINVS (CENTVRIO) L(EGIONIS) VII
G(EMINAE) ANTONINIANAE P(IAE) F(ELICIS) IN HONOREM STATIONIS LVCENSIS ET VICTORIORVM SECVNDI ET VICTORIS
LIB(ERTORVM) SVOR VM ARAM POSVIT LIBENTE ANIMO (HEDERA)".






"A o nunca conquistado deus Mitra, Gaius Victorius Vitorinus, centurión da Lexión VII Gemina Antoniniana, Pía, Feliz, Devoto e Leal, con moito gusto erixiu (esta) Ara en honor do posto de control militar de Lucus (Augusti) e dos seus dous libertos Victorius Secundos e Victorious Victor".







Acceso ao Ara
Vestíbulo do mitreo
O deus Mithrae ou Mithra, deidade da luz, represéntase tocado cun gorro frixio dando morte a un touro. O Mitreo é un pequeno e sinxelo edificio cuadrangular formado por un vestíbulo, unha nave central de bancos corridos para a celebración do ritual e unha sala anexa para gardar materiais e roupa. A cabeceira contería un podio onde estaría a escena central, a icona esencial do mitraísmo occidental con todos os elementos contrutivos propios dos mitreos urbanos que imitaban a cova onde se produciu este sacrificio, a semellanza dos mitreos primitivos (na fotografía apréciase que o acceso ao Ara é unha imitación do terreo). Por esta razón encontrábase no interior da Domus, onde ocupaba unha planta completa.


A Domus, ou Casa do Señor (Victorio Victorino) era un edificio de duas plantas formado por un patio lousado rodeado dun perístilo. Nas fotografías podese apreciar o bo estado de conservación das lousas e das basas e fustes sobre piares das columnas que rodeaban o patio.

Columnas do patio
Estanzas
Pinturas nas paredes e teito
Arranque da escaleira
Dende o devandito patio accedíase ás diversas estanzas da Domus, entre as que destaca a oecus (sala de recibir), decorada con pinturas murais nas paredes e teitos que se conservan en parte, ademais doutros patios e espazos da casa. O resto de estanzas deberon ser cubicula (cuartos), espazos para escravos, libertos, animais, latrinas, cociña, etc. Ademais efectuóse unha reconstrución do arranque da escaleira de acceso á primeira planta.

A finais do S III dc, con motivo da construción da Muralla de Lugo, a casa utilizouse, entre outros usos, para dar acubilla e comida aos traballadores que a construían. No oecus atopouse un muíño de grans que confirma esta hipótese.
















Así mesmo atopouse unha pila de auga. O patio quedou cortado pola posterior construción da Muralla, constituíndo así o mellor medio de protección da Domus.



Pila
Patio do edificio cortado pola Muralla
















Muiño









Etapa medieval

Lenda que figura na sección do museo correspondente a esta etapa:

"O seguinte fito cronolóxico neste predio está formado polos niveis correspondentes á Idade Media. As estruturas máis sobresaíntes desta etapa constitúena unha pétrea acaroada a muralla, unha calzada que, despois dun gran uso, foi abandonada para dar paso a un camposanto, cuxa tumbas exumadas corresponden a tipoloxía de laxas de xisto, presentando formas trapezoidais, rectangulares e nalgún casos fusiformes. As devanditas laxas foron aproveitadas da muralla e moitas aínda contíñan argamasa de cal.

Estas sepulturas non tiñan fondo, asentándose o cadáver directamente sobre o terreo. Por outra parte e importante sinalar a existencia nalgunha das sepulturas dalgunas pequenas pedras, que foron utilizadas para colocar a cabeza do defunto sobre elas.

No referente aos esqueletos exhumados, podemos observar como a disposición mais frecuente do corpo é a da rotación deste deitado de costas (decúbito supino) con algunhas pequenas variantes. Mais diversidades hai na disposición das extremidades superiores, sendo a forma máis frecuente a posición do brazo esquerdo cruzado á altura do estómago, coa man cruzada sobre a pelve. Nalgún caso, os brazos están flexionados sobre o peito, en actitude de oración. A rotación da cabeza presenta diferentes posicións atribuidas ao movemento do cadáver no momento de ser introducido na sepultura.

Os estudos cronolóxicos permítennos datar a orixe desta necrópole nos séculos XII-XIII, con zonas que nos levan hasta o século XV.

O estudo dos esqueletos, cuxos resultados máis significativos resumimos no cadro adxunto, foi realizado no Departamento de Ciencias Morfolóxicas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Nas seguintes etapas cronolóxicas (Idade Moderna e Contemporánea) o máis característico foi a conformación do plano urbanístico actual deste sector. Aparece unha rúa moderna, antiga rampla de Santiago, Pazo dos Montenegro, rúa decimonónica, actuálmente chamada rúa do Moucho, e por último a construción desta praza fronte á Catedral.

ESTUDO OSTEOARQUEOLÓXICO DA NECRÓPOLE MEDIEVAL

ADULTOS

Idades: 25-45 anos
Estatura: 150-170 cm
Mortalidade: Alta mortalidade en mulleres

NENOS

Idade: 1/2 décimo mes lunar - 4-5 anos
Mortalidade: Alta mortalidade infanto-xuvenil

Patoloxías infecciosas graves, así como traumáticas e tumorais.

Mala saúde bucodental (sarro, caries, abcesos, periodontite, desgaste).

Dieta rica en hidratos de carbono.

Desgaste dental debido ao consumo de alimentos fibrosos ou á utilización da boca como instrumento.

Desgaste dexenerativo da columna vertebral:

- Sobrecarga na raque polo transporte de pesos.
- Realización de traballos penosos".

____________________________________________________________________________

A anterior información foi obtida na visita realizada ao depósito arqueolóxico o 26-8-2013, guiada polo arqueólogo director do proxecto Celso Rodriguez Cao en compañía de Adolfo de Abel, historiador da cidade de Lugo, co meu agradecemento a ambos os dous, sen cuxa axuda non tivese sido posible este artigo.

Fotografías e texto libre do propietario do blog.
____________________________________________________________________________

(facer click sobre as fotografías para ampliar o seu tamaño)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

escribe un email a: manuelvilela@manuelvilela.es